Friday, November 21, 2008

Método da canle azul aprendido no curso de Jose María Mellado.

Tuesday, September 16, 2008

Friday, September 12, 2008

Panorámicas da miña excursión a Huesca:

Friday, April 11, 2008

Fima convidada: Felipe Cacharrón
(“Da verdadeira e ‘descomunal’ historia, xamais contada, do niño das cegoñas do Prado Grande”)

Coido que foi aló polo Nadal de 2001, cando nun prado que hai fronte da nosa casa vin que voaban e revoaban as cegoñas como buscando un acougo para facer o seu niño: subían riba dos tellados, durmían na casa do lado da Carmiña do Florencio, subían á cheminea…, pero nada! Tamén observei que poñían moito interese nunha vella cerdeira que había no medio do prado, mais non tiña ben axeitada a ramaxe para o labor que elas procuraban.
Palicando un día co meu veciño Manolo de Dourado (que daquela tiñamos moitos paliques), ocorréusenos a idea de cortarlle unhas pólas do curuto á vella árbore, de tal xeito que ficara unha especie de asento donde estas graciosas aves (de bo agoiro) poideran carretar carabullos e toda esa industria que elas inventan para facer os seus niños, sen que se lles caese todo embaixo.
E pasado un certo tempo, puxémonos mans á obra. Lémbrome ben daquel día, certamente desapracible, con esa viruxe típica do mes de xaneiro, e mesmo con algo de orballo…, pero era fin de semana e había que aproveitar: collemos a escada, e coa axuda de Manolo –que fora quen me dera a idea- e tamén de Xulia, que nos daba ánimo, rubín como puiden pola cerdeira arriba, motoserra e machado en man, e nunha manobra un tanto arriscada, que diso me decatei cando xa rematado o labor estaba cos pés no chan, rabeneille unhas cantas pólas do curuto a aquela árbore, e quedou un sitio que consideramos lles había gustar a estas zancudas.
¡E viñeron…, e gustoulles…, e fixeron o niño! O primeiro ano non criaron –non lles deu tempo-, ao ano seguinte caeu o niño, e volveron todos os anos, puntuais coma sempre, polo 7 de xaneiro; pero unhas veces por “haches” e outras veces por “bes”, ou caía o niño co vento, ou caían os ovos……e, para rematar, caeu tamén a cerdeira, e quedamos –Xulia, Manolo e mais eu, que foramos os inventores de tal argallada- “como tres nun zapato”, xa que gustabamos moito de velas revoar polos nosos eidos e contornos.

Non me afacía, e dábame pena, que viñeran ao ano seguinte e non encontraran a súa árbore; porque a todo isto hai que dicir que, aínda a pesares de nunca acadaren ter crianza, e de atoparen o niño desfeito, sempre voltaban a el.

E a solución chegou cavilando en facerlles un soporte artificial metálico no que estiveran seguras e cómodas: falei con Xosé Manuel “Ribela”, un veciño co que teño trato e confianza, deille a entender o que quería, pareceulle ben a idea, e como é un home moi mañoso que tanto lle dá á gandeiría, que é a súa natural profesión e oficio, como a facer argalladas de soldaduras e ferros, e cuns poucos apuntamentos que eu lle indiquei, deseñou un soporte rematado en forma de cesta, de ferro galvanizado, que cando o vin, quedei marabillado do enxeño e intuición deste home en collerme tan ben a idea do que eu tiña na cabeza ….; e fixémoslle unha base segura de cemento no medio do prado, cunhas roscas de aceiro inoxidable donde ancorar o tubo, pintámolo de verde inglés, carretouno no seu tractor (coa axuda desinteresada e amable de Manolo da casa do Guillermo de Rábade) e colocamos, atorcamos e endereitamos o famoso soporte…, e alí quedou – ¡irto cara ós catro ventos! - agardando que fose útil e servise para o fin que pretendiamos…¡Que esa era outra!...
Porque para que esta historia estea completa engadirei que o día que o colocamos, algo retrasados todo hai que dicilo (un 29 de xaneiro de 2007), xa tiñan chegado as cegoñas (coma sempre por Reis) e como non atoparon a árbore, desapareceron do lugar. E en verdade que pensei que perderamos o traballo, o tempo e os cartos que nos ocasionara tal empresa, e que iamos facer o ridículo máis espantoso cun trebello no medio do prado que non serviría para nada……..
Pero non!; un día xa de marzo no que as boas das cegoñas volveron a dar unha volta por alí, viron aquel soporte, catárono ben, gustoulles, e comezaron a carretar carabullos para faceren o niño: e chocaron, e criaron….,
e “foron felices e comeron perdices”, ou mellor dito “comeron rás, ratos e bichería variada” das camposas do arredor. E nós (a miña dona Chelo, as nosas fillas Lucía e Raquel e mais eu) tan contentos de velas por alí; e cando se van, polo quince de agosto regularmente, esperanzados en que chegue o vindeiro Nadal para volvelas ver de novo, despois desas viaxes migratorias que elas fan....(por ver mundo, digo eu). E así sucedeu este ano, o 7 de xaneiro de 2008, día no que nada máis chegaren, botaron unha ollada, limparon, retocaron, engordaron algo o niño, e xa leva a cegoña chocando vinte ou trinta días.

Meu sobriño Xacobo, ao que lle gustan tanto estas cousas da naturaza, pediume o ano pasado que lle contara a historia da feitura e difícil xeración do “niño das cegoñas do prado grande” e eu, aínda que con retraso, estou encantado de contarlla e espero que lle guste. Logo el, co seu telescopio terrestre saca fermosas fotos, cólgaas no seu Blog (*), e a min gústame ver que todo isto anda polo mundo adiante e que non todo van ser desastres, e que se respectamos o medio ambiente e a natureza, salvaremos a vida e a felicidade das xeracións que veñan detrás nosa.



(*) http://bitacoradundigiscopero.blogspot.com/ (Ou buscar no ‘Google’: Bitácora dun aprendiz a Digiscoper)

Felipe e familia. En Cospeito, a primeiros do mes de abril de 2008.

Saturday, February 16, 2008

Estas son as fotos sacadas polo meu colega Pixi e que serán empregadas para facer a páxina web do meu tío Miguel. Estou ptobando utilidades da web 2.0 que poidan servior estas son unhas mostras:
BubbleShare: Share photos - Find great Clip Art Images.

BubbleShare: Share photos - eco-friendly toys