Friday, November 21, 2008

Método da canle azul aprendido no curso de Jose María Mellado.

Tuesday, September 16, 2008

Friday, September 12, 2008

Panorámicas da miña excursión a Huesca:

Friday, April 11, 2008

Fima convidada: Felipe Cacharrón
(“Da verdadeira e ‘descomunal’ historia, xamais contada, do niño das cegoñas do Prado Grande”)

Coido que foi aló polo Nadal de 2001, cando nun prado que hai fronte da nosa casa vin que voaban e revoaban as cegoñas como buscando un acougo para facer o seu niño: subían riba dos tellados, durmían na casa do lado da Carmiña do Florencio, subían á cheminea…, pero nada! Tamén observei que poñían moito interese nunha vella cerdeira que había no medio do prado, mais non tiña ben axeitada a ramaxe para o labor que elas procuraban.
Palicando un día co meu veciño Manolo de Dourado (que daquela tiñamos moitos paliques), ocorréusenos a idea de cortarlle unhas pólas do curuto á vella árbore, de tal xeito que ficara unha especie de asento donde estas graciosas aves (de bo agoiro) poideran carretar carabullos e toda esa industria que elas inventan para facer os seus niños, sen que se lles caese todo embaixo.
E pasado un certo tempo, puxémonos mans á obra. Lémbrome ben daquel día, certamente desapracible, con esa viruxe típica do mes de xaneiro, e mesmo con algo de orballo…, pero era fin de semana e había que aproveitar: collemos a escada, e coa axuda de Manolo –que fora quen me dera a idea- e tamén de Xulia, que nos daba ánimo, rubín como puiden pola cerdeira arriba, motoserra e machado en man, e nunha manobra un tanto arriscada, que diso me decatei cando xa rematado o labor estaba cos pés no chan, rabeneille unhas cantas pólas do curuto a aquela árbore, e quedou un sitio que consideramos lles había gustar a estas zancudas.
¡E viñeron…, e gustoulles…, e fixeron o niño! O primeiro ano non criaron –non lles deu tempo-, ao ano seguinte caeu o niño, e volveron todos os anos, puntuais coma sempre, polo 7 de xaneiro; pero unhas veces por “haches” e outras veces por “bes”, ou caía o niño co vento, ou caían os ovos……e, para rematar, caeu tamén a cerdeira, e quedamos –Xulia, Manolo e mais eu, que foramos os inventores de tal argallada- “como tres nun zapato”, xa que gustabamos moito de velas revoar polos nosos eidos e contornos.

Non me afacía, e dábame pena, que viñeran ao ano seguinte e non encontraran a súa árbore; porque a todo isto hai que dicir que, aínda a pesares de nunca acadaren ter crianza, e de atoparen o niño desfeito, sempre voltaban a el.

E a solución chegou cavilando en facerlles un soporte artificial metálico no que estiveran seguras e cómodas: falei con Xosé Manuel “Ribela”, un veciño co que teño trato e confianza, deille a entender o que quería, pareceulle ben a idea, e como é un home moi mañoso que tanto lle dá á gandeiría, que é a súa natural profesión e oficio, como a facer argalladas de soldaduras e ferros, e cuns poucos apuntamentos que eu lle indiquei, deseñou un soporte rematado en forma de cesta, de ferro galvanizado, que cando o vin, quedei marabillado do enxeño e intuición deste home en collerme tan ben a idea do que eu tiña na cabeza ….; e fixémoslle unha base segura de cemento no medio do prado, cunhas roscas de aceiro inoxidable donde ancorar o tubo, pintámolo de verde inglés, carretouno no seu tractor (coa axuda desinteresada e amable de Manolo da casa do Guillermo de Rábade) e colocamos, atorcamos e endereitamos o famoso soporte…, e alí quedou – ¡irto cara ós catro ventos! - agardando que fose útil e servise para o fin que pretendiamos…¡Que esa era outra!...
Porque para que esta historia estea completa engadirei que o día que o colocamos, algo retrasados todo hai que dicilo (un 29 de xaneiro de 2007), xa tiñan chegado as cegoñas (coma sempre por Reis) e como non atoparon a árbore, desapareceron do lugar. E en verdade que pensei que perderamos o traballo, o tempo e os cartos que nos ocasionara tal empresa, e que iamos facer o ridículo máis espantoso cun trebello no medio do prado que non serviría para nada……..
Pero non!; un día xa de marzo no que as boas das cegoñas volveron a dar unha volta por alí, viron aquel soporte, catárono ben, gustoulles, e comezaron a carretar carabullos para faceren o niño: e chocaron, e criaron….,
e “foron felices e comeron perdices”, ou mellor dito “comeron rás, ratos e bichería variada” das camposas do arredor. E nós (a miña dona Chelo, as nosas fillas Lucía e Raquel e mais eu) tan contentos de velas por alí; e cando se van, polo quince de agosto regularmente, esperanzados en que chegue o vindeiro Nadal para volvelas ver de novo, despois desas viaxes migratorias que elas fan....(por ver mundo, digo eu). E así sucedeu este ano, o 7 de xaneiro de 2008, día no que nada máis chegaren, botaron unha ollada, limparon, retocaron, engordaron algo o niño, e xa leva a cegoña chocando vinte ou trinta días.

Meu sobriño Xacobo, ao que lle gustan tanto estas cousas da naturaza, pediume o ano pasado que lle contara a historia da feitura e difícil xeración do “niño das cegoñas do prado grande” e eu, aínda que con retraso, estou encantado de contarlla e espero que lle guste. Logo el, co seu telescopio terrestre saca fermosas fotos, cólgaas no seu Blog (*), e a min gústame ver que todo isto anda polo mundo adiante e que non todo van ser desastres, e que se respectamos o medio ambiente e a natureza, salvaremos a vida e a felicidade das xeracións que veñan detrás nosa.



(*) http://bitacoradundigiscopero.blogspot.com/ (Ou buscar no ‘Google’: Bitácora dun aprendiz a Digiscoper)

Felipe e familia. En Cospeito, a primeiros do mes de abril de 2008.

Saturday, February 16, 2008

Estas son as fotos sacadas polo meu colega Pixi e que serán empregadas para facer a páxina web do meu tío Miguel. Estou ptobando utilidades da web 2.0 que poidan servior estas son unhas mostras:
BubbleShare: Share photos - Find great Clip Art Images.

BubbleShare: Share photos - eco-friendly toys

Sunday, July 15, 2007


Desafornunado accidente cunha das cegoñas de Cospeito.

Os polos ce cegoña que saíran das cascas do ovo había xa tempo, estas semanas pasadas facían dentro do niño os primeiros exercitamentos das ás, pegando chimpos e voltando a caer no mesmo sitio.
Onte, no seu primeiro día, aventurábanse a facer os primeiros desprazamentos xa fora do niño e ate zonas próxima , facendo rasantes, picados, dando voltas polo máis alto do ceo, facendo esas cousas inocentes e atrevidas, coma nenos pequenos,.... e van tropezar cos de BEGASA, cos seus cables 'pelados', que deron coa cegoñiña no chan, e fustrando as esperanzas de moitos de nós que esperabamos dentro duns anos voltar a ver criar novas xeracións que foran sacadas adiante no soporte artificial de Felipe Cacharrón.

Todos esperamos que se tomen medidas ou algunha actuación, para que este tipo de desagradable accidente (demasiado frecuente nos nosos campos e que tantas vidas de aves sega) non volte a suceder. Poderíanse poñer esas "pelotiñas" que colgan dos fíos para facelos máis visibes, recubrilos dalgúna aillanes, etc.

Se alguén le esta nova e sabe que remedio podemos facer, que aporte ideas, por favor.

Sunday, May 13, 2007

Unha xanela indiscreta.
Dende a xanela do dormitorio da miña casa de Vincios, podo observar ducias de gorrións, merlos e xiríns que andan a alimentarse nas aveas dos campos de enfrente que se cultivan para alimentar o gando. Aquí deixo algunhas das fotos:
Primeiro a femia dun xirín (Serinus serinus)


O macho do xirín non podía faltar, habendo apostas femias que cortexar




Moitas veces non chega con facerse o galiño e sacar lustre ás plumas das as, hai que chamar a atención...dende logo iso sábeno facer ben os machos cos seus cantos que semellan un trino continuo tipo torrente. Cliquea no vídeo e acende os altofalantes:


Non faltan os merlos (Turdus merula)